Mundo á parte

30 junio, 2006

Despois de...

Volvo despois de rematar o último exame de terceiro.
Volvo despois de despedirme dos meus compañeiros e amigos de clase (vouvos botar de menos -e sei que falta xente nas fotos!!) tras unha cea e unha noite nas que nos xuntamos os cincuenta e pico de sempre.
Volvo despois dun primeiro contacto co lugar onde pasarei xullo e agosto: a redación de Galicia Hoxe.Non é nin radio nin tele, cousa que prefería, pero estou moi contenta e ilusionada de todos os xeitos, e tamén, como non, asustada. Menos mal que teño a María e a Alba para apoiarnos...
E tamén volvo despois dun día sen pensar en nada e doutro de praia, que hai que aproveitar os catro días de vacacións que quedan. Comprendes por que non renovei antes, ¿verdade?

Aínda nos quedan un par de días para despreocuparse de todo. E despois... iremos contando que tal nos vai.

23 junio, 2006

Lume

Noite feiticeira. Lume, sardiñas, diversión colectiva e maxia. Que nada falte na noite máis curta do ano, onde din que as meigas e os espíritos malos son escorrentados cando se acende a fogueira.
E se es meiga ou meigo? No fondo, todos temos algo de irracionalidade, tanto nas nosas vidas coma en nós mesmos ¿ou non? ¿Quen nunca tivo intuicións fortes que se cumpriron, ou viviu ¿casualidades? case inexplicables, ou...?
E tamén hai meigas "de verdade". Teño unha veciña que seica o é. Contan que máis dun a viu botando sal na eira en noites de lúa chea. E a avoa dunha amiga miña, tamén o facía, pero arredor da casa. Ao mellor tamén hai meigas onde ti vives, creo que non é tan raro atopalas...
Oxalá nunca se perderan tradicións tan fermosas, auténticas e propias coma a celebración desta primeira festa de verán de orixes perdidas, pero ben arraigadas a nós. En cada lugar hai diferentes ritos. Aquí xa se perderon moitos, como o de lavar a cara con auga de rosas mañá á mañá. Iso si, o de saltar a cacharela (ou unha esquiniña), penso que se fai en todos os lados. Así que xa sabes:
Salto por enriba
do lume de San Xoán
pra que non me trabe
nin cobra nin can

22 junio, 2006

Xa entrou o verán...

Verano Azul

Verano Azul foi unha serie que marcou unha etapa da televisión e tamén a infancia e a adolescencia de moitos. Dende os da quinta da miña nai ata os da miña, coñecemos de sobra a melodía que agora se emprega nas campañas publicitarias de grandes empresas.
A min esta serie tráeme moi bos recordos. Será polo que me gustaba, polo cariño que lles collín aos personaxes... ou, tal vez, pode ser pola imitación dos protagonistas que María mais eu faciamos asubiando cando iamos en bici non hai tantos anos.
Igual é por todo. Pero cada vez que escoito a sintonía da serie, sorrío, non sei por que.
En fin, tanto sorrir coma lembrar cousas bonitas creo que son boas maneiras de inaugurar a nova estación e tamén de celebrar que xa sei poñer videos no blog ;)
Bo verán!

20 junio, 2006

21

Hoxe toca cambio de cifra. Xa me chegaron algunhas felicitacións alentándome con "xa queda menos para a pensión, ¿eh?" ou "xa che irei pasando as miñas cremas antiarrugas", pero, como se soe dicir, o importante é ter salú ;)
Podo dicir que saúde non me falta, e persoas tan únicas e extraordinarias como moitas das que teño preto de min, tampouco. Por iso, as felicitacións que hoxe recibo, quero compartilas con todos vós (porque moitos me ledes) e tamén cos que non están presentes no meu mundo á parte, pero si no real. Quérovos moitísimo!!
E a todos os blogueiros que non teño o gusto de coñecer en persoa, dicirvos que é un pracer compartir o meu primeiro cumpleanos nestes lares con todos vós.
21 bicos a todos

19 junio, 2006

A televisión e os seres vivos

Non. Non vou comentar ningún documental de animaliños, nin falar doutro tipo de seres vivos que asoman a diario polas nosas pantallas de tv. A historia é que mércores teño un exame de xéneros televisivos e, estudando os apuntes de clase, descubrín que... En fin, mellor póñoo literalmente:
"Os xéneros evolucionaron igual que os seres vivos: do mesmo xeito que poden desaparecer, tamén poden rexurdir".
¿É posible que poidamos chegar a convivir con dinosauros? ¿Ou é que xa é seguro que todos os seres vivos resucitamos? ¿Que intenta dicirnos?
A miña profesora e os seus parecidos (ir)razoables.

15 junio, 2006

Cousas irreductibles

Gústame a vista que teño dende o lugar onde estudo. ¿¿Toda?? ¡Non! En época de exames, resísteseme a parcela veciñal de enfrente, provista de piscina, céspede, tumbonas e ata unha especie de tenda romana como as que aparecían nos cómics de Astérix. Só que neste caso, o único que fai é protexer do sol aos afortunados que descansan baixo dela... Vamos, que morro de envexa ata nun día de tronada.
O asunto vólvese máis cruel tendo mañá o segundo parcial daquel exame para o que pedía aplausos(¿lémbraste?). Non sei que dicir se me preguntan que parte me gusta máis. O estilo do profesor segue sendo o mesmo, así que de novo teño que lidiar con tochos de parágrafos interminables nos que hai de todo menos puntos.
Alomenos, atopei cousas interesantes que descoñecía como, por exemplo, que existe unha web que se creou para axudar a superar as barreiras entre o Norte mailo Sur mundiais, proporcionando información alternativa á que nos ofrecen case tódolos medios de comunicación, que se surten básicamente de noticias feitas por catro gatos do Primeiro Mundo (moi grandes, iso si). ¿Viches? Xa me saíu un parágrafo do estilo do profesor...

10 junio, 2006

"Happy end" para unha historia do cine

Despois de ter Teoría e Historia do Xornalismo no primeiro cuadrimestre, moita xente decidiu non escoller como optativa Historia do Cine. A razón fundamental: o profesor e o seu método.
Hernández Les é un home ó que lle gusta falar de Camus e da traxedia grega, quizais a un nivel que non resulte fácil de asimilar as primeiras veces que o escoitas. Non é un profesor "ao uso", pois na facultade non tiven un que se lle parecera á hora de dar clase, e iso que xa tiven algúns deses mestres "inesquecibles", á marxe de se o que aprendín con eles tivo ou non que ver coa materia que lles correspondía dar. A todo isto, se queredes ver o estilo de Les, ten blog (recomendo tempo e anzos para lelo).
Eu quería estudar cine, porque me gusta. Recoñezo que me daba medo despois do exame de Tª e Hª do Xornalismo, pero preferín escoller algo que me motivara a unha asignatura que pouco me dicía. Ademais, a xente que xa pasara pola experiencia, aseguraba estar contenta co profesor, que se aprendía moito con el. De feito, o cinema é a paixón de Les, xa que antes de dedicarse á ensinanza foi crítico desta arte.
Agora, incluso despois de facer un exame típico del, a base de preguntas rebuscadas tendo moita materia pola que preguntar, non me arrepinto de ter pasado a maior parte das tardes da semana na aula de Visionado 1, onde aprendín máis do que agardaba. Recoñezo que era totalmente inculta en cuestión de cine. Griffith, neorrealismo italiano ou Ordet soábanme a chinés, e seguro que se non tivese estudado esta optativa, estaría nas mesmas.
Sei que traballamos moito, pois tivemos que facer críticas dende o primeiro momento sen saber nin por onde empezar (falo da maioría, claro). Pero tamén sei que ante min pasaron algúns dos filmes máis grandiosos de toda a historia do cine, que coñecín aos seus creadores, as circunstancias que os rodeaban e, sobre todo, o que aportaron tanto artística como persoalmente ó mundo da séptima arte. Pola miña conta, estou segura de que non aprendería tales cousas.
Non sei se levarei moito máis dun aprobado raspado na asignatura, pero non me importa. Estou contenta con ter coñecementos sobre a séptima arte, esa da que o primeiro crítico de cine, Ricciotto Canudo, sinalou coma o epicentro e a culminación de pintura, arquitectura, escultura, poesía, danza e música. É dicir, como a conciliación de tódalas demais artes.

08 junio, 2006

Artes

Onte inaugurouse o que podedes ler na imaxe. Como estamos na comisión de festas, tocounos atender á xente que ademais de vir á mostra de pintura veu tomar uns pinchos, un gancho que funciona en moitos actos do país. Aínda así, gustaríame pensar que a cantidade de xente que veu, fíxoo principalmente por ser amante da arte.

E, falando de arte e de pinchos, tiñades que ver a cantidade de marabillas que un cociñeiro de fantasía é quen de facer cun coitelo e a súa maña. Os da organización quedamos ben en boa parte gracias ás flores de cenoria, ás estreliñas de carambola e ao cesto feito cun melón e cereixas que adornaban a mesa.

A mostra deste ano presentou as obras dos artistas que aparecen arriba, pero vouvos deixar aquí un dos óleos de Antón Taboada que tan ben interpretou Antón, un amigo. Mágoa que non dispoño da imaxe que o complementa...


Pantalla panorámica. Así titulou o artista á súa obra. O cadro que complementaría esta imaxe é un que representa a Estatua da Liberdade sobre un fondo azul, sostendo unha espada en lugar dunha antorcha. Sendo así, Antón interpretou que o pintor se referiu á guerra contra o Iraq no cadro desa particular "panorámica" e á represión do Governo estadounidense no que vos acabo de describir.

E agora a estudar, que mañá toca examinarse doutra arte, neste caso, da séptima.

04 junio, 2006

H2O salgado


O venres fomos por primeira vez á praia, á mesma que aparece nas fotos e que se chama Praia do Vilar. É a praia favorita de Mariquinha e creo que non lle podemos negar o bo gusto. Foi unha tarde estupenda, porque só con ver o mar, as catro amigas que fomos puxémonos de moi bo humor. E máis aínda cando comprobamos o boa que estaba a auga. Rematamos para o arrastre, pero ningunha de nós cambiaría esa tarde que pasamos mergulladas nas ondiñas e nos raios do sol por quedar na casa descansando. De feito, estamos barallando se podemos volver o luns...
O mar é... non sei. É vida, é liberdade, saúde, beleza... podería dicir que é tantas cousas fermosas... Envexo á xente que ten o océano preto, que o pode ver polas mañás cando se ergue ou pasear pola ribeira cando cae a noite. Menos mal que, de vez en cando, hai ocos para escapar xunto a el. Non sei. O mar é do máis marabilloso que existe. Só penso en volver axiña.