Mundo á parte

24 septiembre, 2006

Futuros xornalistas en Túnez



Dentro dunha semana pisarei terras africanas. Túnez, como podedes deducir ;), é o noso destino de paso de ecuador. Lembro cando tiñamos mil ideas na cabeza, ilusión e moito traballo por diante. Despois de festas pouco proveitosas, dunha venda insuficiente de camisetas, de mil reunións, de pasar de ser arredor de 50 persoas apuntadas a unhas 30, etc, etc, etc... Á fin chega o momento! Xa só queda agardar o domingo para coller un avión de Tunisair rumbo a Monastir.
Quizais Túnez sexa un bo lugar para comezar a coñecer a exótica África pola súa tranquilidade e estilo de vida, segundo nos contaron na axencia. Non foi o destino que votei nun comezo (eu prefería Praga-Budapest ou algo polo estilo), pero cada vez estou máis ilusionada coa viaxe. Onte tivemos unha reunión coa axencia que me deixou bo sabor de boca, xa que o programa, ademais duns tres días libres para desfrutar como queiramos, inclúe un circuito por varios lugares e cidades importantes do país.
E quizais a ilusión xa non só sexa polo que imos ver, que é algo básico, senón porque sei que será unha viaxe única na miña vida, con compañeiros e amigos (aínda que falten moitos) cos que compartín tres anos de carreira e un máis que queda. Pois nada, xa contarei...

13 septiembre, 2006

Algo para ti

Onte á mañá o carteiro chamou dende fóra. Non me coñecía porque non era o de sempre, pois este está de vacacións, así que mentres eu baixaba as escaleiras preguntoume se era Sara. Despois de dicirlle que si, díxome que tiña algo para min. Pensei que á fin chegara un paquete polo que levaba uns días agardando, así que lle preguntei se lle tiña que pagar algo. Para a miña sorpresa, díxome que non e logo riu.
Cando atopei o carteiro diante miña vin que non tiña ningún vulto. O que tiña que entregarme era unha pequeno sobre. Medio estrañada collino, dinlle as grazas e xireime para marchar, pero el non me deixou. "Agarda!! Aínda falta algo!". E vaia sorpresa cando me entrega unha fermosa rosa vermella envolta á perfección! Non puiden máis que exclamar "mi madriña!" e preguntar se estaba seguro de que era para min. O carteiro respondeu entre risas que "claro que si" e despediuse de min cunha mirada pícara. Boteime a andar cara á casa mentres abría ansiosa a tarxetiña. Non tiña nin idea de a que viña o detalle nin de quen podía ser. Cando lin o que poñía pensei tantas cousas...
Hai persoas neste mundo que non saben pedir perdón. Penso que o orgullo está ben telo, pero como todo considero que ten límites e que hai quen non sabe onde poñelos. Moitos enfados, por moi nimio que sexa o motivo que os provoque, non achan solución por mor de non ter a coraxe de dar o primeiro paso para reconciliarse. "Sorry seems to be the hardest word", ¿non é? Nembargantes, a outras persoas pásalles todo o contrario e son quen de demostrar que senten algo ata mutándose en rosa vermella.
A tarxeta e a flor que recibín non eran unha declaración nin unha mostra de amor. Eran unha forma de pedir unhas disculpas que coido que eu non merecía, pero que a persoa que mas fixo chegar, si. Ese par de obxectos materiais foron unha mostra abstracta de aprecio, dunha gran sensibilidade e dunha boa persoa á que lle agradezo infinitamente o detalle. Quizais nunca o lea, pero o dito: non merecía tal, pero mil grazas.

09 septiembre, 2006

Vedra 2006

Sen case darme de conta, xa van alá 9 días de setembro. Dun día para outro coma quen di, pasei de estar sentada diante dun ordenador de Galicia Hoxe a meterme de cheo nas festas de Vedra. Iso é o habitual cada ano, pero este tocounos facelo dunha maneira diferente: traballando para que todo saíra ben e non fallase nada.

Estar na Comisión das Festas é bonito e duro á vez. Disfrutas vendo como a xente o pasa ben en algo que levas agardando todo o ano e polo que intentas dalo todo os tres días clave. Non obstante, dentro do grupo sempre hai quen se esforza máis e quen menos, e claro que tamén hai quen pasa de todo. Iso é un dos motivos polos que uns chegamos de cobrar nos aparcadoiros para meternos a servir na cantina durante a maior parte da noite. E tamén fastidia o comportamento dalgunhas persoas que pasarán o ano que vén pola nova Comisión, pero esa é outra historia e merece un capítulo á parte. O caso é que hai momentos nos que o cabreo (sumado ao cansanzo) te supera, pero reaccionas cando caes en que non es a que o peor o está pasando...

A secretaria ten que gardar durante tres noites seguidas o diñeiro que se vai xuntando e contalo, que é peor. Si, digo ben: a secretaria, porque o tesoureiro exerce de presidente. E logo este? Este é un señor que, pobriño, fai o que pode pero a súa saúde non lle permite realizar esforzos nin moitos traballos. E non hai vicepresidente? Ui!! Iso como as meigas, habelo haino... pero ese si que ten máis cara ca un piano. Entre os demais membros hai de todo. Mais xa o dixo Mariquinha no seu fotolog: a pesar de todo pasámolo moi moi ben, estivemos orgullosas de formar parte da Comisión deste ano, puidemos desfilar coas bandas de música, que é un acto ben bonito...

Vamos, houbo tempo para risas, pequenas bailas, conversas cos amigos, fogos de artificio... E, se non me credes o ben que o pasamos aínda que cada día fosemos arrastrando máis e máis cansancio, non tedes máis que ver a cara de éxtase de María (neste caso, alucinando cos foguetes de Gaiteiro, con quen tivemos o pracer de compartir Comisión).

En resumo: pase o que pase, digan o que digan e estemos dentro ou fóra da cantina, as Dores de Vedra sempre serán as mellores festas para nós.