Mundo á parte

13 septiembre, 2006

Algo para ti

Onte á mañá o carteiro chamou dende fóra. Non me coñecía porque non era o de sempre, pois este está de vacacións, así que mentres eu baixaba as escaleiras preguntoume se era Sara. Despois de dicirlle que si, díxome que tiña algo para min. Pensei que á fin chegara un paquete polo que levaba uns días agardando, así que lle preguntei se lle tiña que pagar algo. Para a miña sorpresa, díxome que non e logo riu.
Cando atopei o carteiro diante miña vin que non tiña ningún vulto. O que tiña que entregarme era unha pequeno sobre. Medio estrañada collino, dinlle as grazas e xireime para marchar, pero el non me deixou. "Agarda!! Aínda falta algo!". E vaia sorpresa cando me entrega unha fermosa rosa vermella envolta á perfección! Non puiden máis que exclamar "mi madriña!" e preguntar se estaba seguro de que era para min. O carteiro respondeu entre risas que "claro que si" e despediuse de min cunha mirada pícara. Boteime a andar cara á casa mentres abría ansiosa a tarxetiña. Non tiña nin idea de a que viña o detalle nin de quen podía ser. Cando lin o que poñía pensei tantas cousas...
Hai persoas neste mundo que non saben pedir perdón. Penso que o orgullo está ben telo, pero como todo considero que ten límites e que hai quen non sabe onde poñelos. Moitos enfados, por moi nimio que sexa o motivo que os provoque, non achan solución por mor de non ter a coraxe de dar o primeiro paso para reconciliarse. "Sorry seems to be the hardest word", ¿non é? Nembargantes, a outras persoas pásalles todo o contrario e son quen de demostrar que senten algo ata mutándose en rosa vermella.
A tarxeta e a flor que recibín non eran unha declaración nin unha mostra de amor. Eran unha forma de pedir unhas disculpas que coido que eu non merecía, pero que a persoa que mas fixo chegar, si. Ese par de obxectos materiais foron unha mostra abstracta de aprecio, dunha gran sensibilidade e dunha boa persoa á que lle agradezo infinitamente o detalle. Quizais nunca o lea, pero o dito: non merecía tal, pero mil grazas.

12 Comments:

  • At 3:56 a. m., Blogger María M said…

    Ás veces penso que este xeito de pedir perdón só cobra sentido nos nosos soños alimentados polas películas. Hoxe deime conta que non agardo demasiado das persoas porque para pedir desculpas cunha rosa non fai falla ser un galán de Hollywood senón ter bo corazón. Xúroche que non vou deixar de agardar algo así, nunca. Non baixarei o listón para poñelo á altura da xente egoísta. Seguirei soñando con esa flor aínda que sepa de antemán que o carteiro non chamará nunca a esta porta.

     
  • At 9:25 a. m., Blogger Elianinha said…

    a mariquiña: saiba, non sepa. ;)
    a sara: jo, que bonito, é de película, eu imaxínome a cara túa e maila do carteiro. E a rosa non sería natural, non? Porque chegaría estropeada. Aínda que o importante do perdón é que sexa sinceiro.

     
  • At 1:41 p. m., Blogger *Sara said…

    Eli, a rosa si que é natural e chegou perfecta :). Agora está nun xarrón acabando de abrir.

     
  • At 2:03 p. m., Blogger Elianinha said…

    O teu ten que ser o carteiro de Pablo Neruda. A min, nin rosas en directo (teño 2, de plástico, das dos chinos, pero teñen ambas máis de 2 anos, imaxina).
    Ah, tamén teño un clavel (natural), tamén dos chinos que van de marcha de noite.
    Que é, para que non te marches para Badajoz???
    SUSPIRAN TODOS...

     
  • At 3:04 p. m., Blogger cneirac said…

    Red rose, proud rose, sad rose...

    Badajoz??? Haberá que ir atracando toda unha floristería logho...

     
  • At 3:13 p. m., Blogger *Sara said…

    :D
    Que bonito, Calidonia! E graciñas polas intencións, pero o de Badajoz é unha licenza teatral. Non te lembras de "ven, ven, ven a Badajoz?" ;)

     
  • At 12:39 p. m., Blogger Elianinha said…

    Ai, é certo, que Calidonia viñera ver Bicos! Pois iso, Sara, nós a ti só che dicimos "Abanibí Aboebé"

     
  • At 4:19 p. m., Blogger paideleo said…

    Detalles así revalorizan unha persoa.
    Eu nunca esquecerei o día do meu aniversario cando estaba na mili a 600 quilómetros da casa. Ese día recibín un paquete: nel viña unha torta de mazá. A torta viña maltratada da viaxe pero aínda non houbo torta que soubese coma esa !.
    Un saúdo para ti e a comisión de festas.

     
  • At 8:22 p. m., Blogger Unknown said…

    iso sí que é un bo xeito de pedir perdón...canta xente debería aprender!!

     
  • At 6:07 p. m., Anonymous Anónimo said…

    Pois sí que o lin e a verdade é que era o último que me esperaba. Secadra saíu publicado no Correo Galego e eu non o lin pero bueno, que se lle vai facer. Supoño que forma parte do instinto que tedes as xornalistas para escribir de todo. O que eu non sei é por qué me merezo unhas desculpas. Non teño nin idea. Espero enterarme algún día.

     
  • At 7:03 p. m., Blogger *Sara said…

    Jaja, e foi o teu instinto tamén o que te trouxo ata aquí? :D
    Podes estar tranquilo que non saiu publicado en ningures e menos no Correo Galego, que as prácticas foron en Galicia Hoxe e á parte remateinas en agosto ;).
    Non escribín que mereces unhas desculpas, senón que son eu a que non as merecía e menos aínda un detalle coma o que tiveches comigo. Pero xa está todo falado. Saúdos :)

     
  • At 11:47 a. m., Anonymous Anónimo said…

    w

     

Publicar un comentario

<< Home