
O Parque
Esta semana, dirixíame á librería que hai preto da miña casa, cando algo me fixo parar en seco. O parque do colexio vello, ese parque que lembro dende que o montaron tendo eu uns 4 ou 5 anos, xa non estaba. Era un parque “cutre” para máis de un. Só tiña un tobogán, catro columpios e o mesmo número de banquiños de madeira. Agora, xa non queda nada. Ata o chan ten zahorra, en lugar de herba.
¿Que pasou? ¿Por que o quitaron? A verdade é que nos últimos tempos, sobre todo dende que se cambiaron de lugar os cursos que se daban alí para o colexio grande, o parque estaba moi descoidado. Pero esperábame máis unha limpeza a fondo que o seu levantamento, xa que nenos ségueos habendo...
Seguín camiñando cara á librería e non puiden evitar lembrar canto tempiño teño pasado nese parque. Dende que o puxeron ata os 14 ou 15 anos, o parque foi un dos meus lugares escollidos para ir crecendo.
Lembrei as casiñas de area que lles faciamos os nenos de párvulos ás formigas e o cuarzo que atopabamos escarvando na terra, pelexando por ver quen lograba o pedrusco máis grande.
Acórdome do día que coñecín a María, unha das miñas mellores amigas, nun recreo cando tiñamos uns 4 ou 5 anos, e da nosa primeira conversa.
Dun día que dixen “¡terra, trágame!”, porque estaba xogando no tobogán cun vestidiño azul que me encantaba, resbalei, caín na poza de auga que había baixo o rampa do tobogán e, como o parque estaba de nenos que comezaron a rirse, marchei para a casa escopetada e colorada coma “unha ghinda madura”, como diría a avoa de Mariquiña.
Tamén me acordo, a propósito diso, das tardes de sábado con Mariquiña e Aleixa, coas que formaba unha familia de esquimais con superpoderes. Os columpios eran os nosos trineos. A caseta do tobogán a nosa cabana. As follas das árbores, a carne que asabamos cravada nun pau, para logo alimentarnos.
Os recreos ata 2º de primaria. Máis tarde, as pachangas de fútbol cos veciños e amigos.
Cuns once anos, as paredes do colexio do parque eran as follas nas que a todo o mundo se lle daba por escribir declaracións de amor, insultos ou tonterías.
E, sendo un pouco maiores, e mesmo agora, aínda que nunha medida moito menor, os columpios do parque convertéronse nos sillóns para as tardes de charlas e confesións entre amigas. Para as comilonas de pipas. Para, simplemente, xuntarnos. E podería seguir, seguir e seguir... pero isto xa se parece ao anuncio aquel do Golf...
Na librería, dixéronme que o quitaran porque non cumpría o regulamento de seguridade para os nenos; que se os columpios son de plástico, que se os bordes demasiado cadrados... En fin, dou fe de que eu probei ese parque abondo e nunca na vida me pasou nada. Será que os nenos de agora son máis fráxiles, ou os fan selo, non sei... O caso é que me quedou pena porque quitaran aquel parque tan “cutre”; o meu parque. Porque penso que nunca catro banquiños e un par de columpios se prestaron tanto á imaxinación dos cativos -e dos que xa non o son tanto- nin deron...tanto xogo.