Mundo á parte

30 abril, 2007

É chungo deixar unha panda tan 'guay'

Esta tarde din o último paseo polos corredores da tele e pola redacción máis fantasiosa do recinto. Xa non farei máis "xabarín informa" e, polo de agora, non me darán máis regaliños. Acabouse traballar entre caras amables nese curruncho máxico escondido nunha empresa onde, dependendo de onde che toque, os sorrisos abundan ou non. Por exemplo, xa non terei que escoitar os bufidos do ogro de documentación das mañás, ese que nunca vin sorrir e ao que nunca lle escoitei dicir nada positivo; ese que fai que os da tarde teñan máis pedidos porque a xente prefire evitalo, que xa é triste.
Non esquezo o meu paso polo primeiro programa, sobre todo polas persoas coas que traballei e polos segredos do pasado da Galega que descubrín ;). Prefiro non quedarme con esas semanas nas que miraba máis pola ventá que outra cousa, xa que nin internet tiña no pc. E, como non, sempre terei un fermoso recordo do meu paso polo Clube do que fun socia dende nena (e porque o carné non é vitalicio!). O clube que, como a tantos outros da miña tanda, me entretiña mentres merendaba polas tardes. O que me ensinou cousas sobre comics, experimentos e superheroes e o que fixo que me namorara dos debuxos animados e do 'rock bravú' en galego.
Por mor dos ensaios da Xabaxira, só puiden despedirme de algúns. Marchei entre gratitude mutua e bos desexos, entre os que está volver a vernos. Quizais, hoxe tocaba poñer a canción de "vai sendo horas de ir para a casa...", pero cada vez que escoito esta dame subidón. Total, xa sabedes que de aquí non marchamos sen quedarmos para... outra :)

Etiquetas: , ,

26 abril, 2007

Ultranoite.gal

A SGAE anda dando moito que falar ultimamente, xa sabedes. Que se quere cobrar pola música das perruquerías en Ourense, que se pensa subir os prezos dos mp3, cámaras, etc... E tremendo cabreo agarrou ao enterarse de que alguén a identificaba coa palabra "ladróns"!!
Dende esta noite e ata sábado, na
Ultranoite.gal que organiza a NASA, poderedes entender un pouco mellor a política desta benéfica sociedade de "cobremos, sen ánimo de lucro", grazas a Elianinha e Pati, compañeiras de Papaventos-Andaravía. Collede as entradas e animádevos a coñecer a actualidade do xeito máis crítico-divertido!!

Etiquetas: , ,

18 abril, 2007

Exploradores urbanos

Os meus compañeiros de xornalismo electrónico, dirixidos por Manuel Gago, puxeron en marcha hai uns días un bonito proxecto: exploradores urbanos. Anímovos a que lle botedes unha ollada e descubrades con eles o lado menos coñecido de Compostela. Merece a pena! :)

Etiquetas:

15 abril, 2007

Eran horas

Si, xa ían sendo horas de volver a escribir. Levo tanto tempo (xa vedes, algo máis dun mes) sen inspiración/ánimo/ganas/tempo de adentrarme neste mundo, que case esquezo como facelo. Sei que me expoño a perder os poucos lectores que teño, pero ata hoxe non quen fun de fulminar esa astenia que me impedía publicar algo novo, aínda que fosen palabras baleiras coma estas.
O caso é que por aquí andamos neste abril fecundo, como di Xurxo Souto no seu programa. E eu, rematando as prácticas no "meu". Si! Estou no fantástico interior do clube máis emblemático da G! Tralo remate do primeiro espazo para o que colaboraba, por razóns desas que os que mandan non ousan darche, pasei un mes de "bolseira errante", vagando de mesa en mesa 'pedindo' traballo.
Nun mes e pico pasei por unha reportaxe sobre o Entroido de Verín, por buscar documentación (só, a secas) sobre diversos temas e tamén por minutar mil e un 'sketches' que lle farán gracia a quen lla faga. Nada interesante nin demasiado proveitoso. Penso que ás veces me resultaba imposible disimular o cabreo-decepción que sentía. Tanto, que un día dos moitos que fun xunto á Xefa-za a preguntarlle se tiña algo co que puidera axudarlle, me dixo: "Uhm, buena pregunta... Pero no, no tengo nada, habla con R." Pero a pobre R., que tamén pringa bastante, xa me dixera que nanai. Largueime da mesa da Xefa-za con cara de circunstancias. De alí a un pouco, achegouse á mesa onde sentaba e anuncioume que ía entrar nun novo programa. E, nese momento, por fin me sentín atendida, escoitada, amparada...
Despois de mes e pico, por fin me atoparon un lugar!! Máis vale tarde ca nunca, porque o certo é que estou moi moi a gusto, chea de regaliños do porco bravo (alguén quere bolis, chapas...?), de atención e sorrisos e tamén de tarefas. Síntome útil e contenta, que máis podo pedir? Tempo, xa nada, porque as prácticas rematan a finais de abril, pero alomenos sei que este mes fecundo o vou rematar contenta.
Agardo volver a escribir máis pronto ;)

Etiquetas: ,