Mundo á parte

31 mayo, 2006

A practicar, pois



Levo semanas sen ver pouco máis que as catro paredes de Siza mailas da miña casa, e todo por esas prácticas finais que nos poñen de tan bo humor tanto a alumnos como a profesores. E é que cando don Estrés aparece...
Afortunadamente, só quedan tres días de clase... pero, en fin, o día 5 xa comezo os exames. Só penso en que chegue dunha vez este venres, porque como faga bo día, marcho correndo para a praia. ¡Necesítoo! Sobre todo, sabendo que este verán seguramente vou ser explotada por algunha empresa informativa namentres o persoal fixo está de vacacións.
É que esa é outra. Por se aínda non tiña demasiadas cousas nas que pensar, teño que decidir antes de venres onde vou pedir para facer as outras prácticas. Gustaríame radio ou televisión, pero a oferta en Santiago non é moi variada que digamos. En todo caso, a prensa non me disgusta...
O peor disto é que se non son uns, son outros, pero todos acaban dándoche referencias regulares, malas ou moi malas de todas as empresas. Só teño clara unha cousa: os únicos que respectan os horarios son os da Xunta, como bos funcionarios que son, jeje. O resto, uns máis, outros menos, acaban contigo...
O que teño claro é que quero aprender. Gustaríame que non fose a base de man dura, senón duns límites horarios e laborais "normais". Se vou quedar sen verán, non quero que sexa para servir cafés nin para facer fotocopias, pero tampouco para currar catro horas máis do establecido. Aínda que, se me pasa, como a moitos, non terei máis remedio que aturalo, porque sei que a vida non está por regalarche nada.

21 mayo, 2006

A vida que pasa...

E a susceptibilidade que, ás veces, se apodera de min, facendo que emerxan certos sentimentos, profundos coma o lugar no que se esconden. Sentimentos que non sei describir, porque é coma se formaran un gran puzzle no que algunhas pezas encaixan, pero outras, quedan soltas por algún cabo. Entón, ¿cómo estou? Melancólica, relaxada, agobiada, leda...
É curioso como un día coa súa noite quedan gravados no calendario mental sen necesidade de saír da casa; como un par de conversas, e non cara a cara, me fan reflexionar sobre moitos asuntos.
Asuntos coma o paso do tempo. O que fomos, o que somos agora e o ¿que seremos? Tralo acto de licenciatura de
Mariquinha, non podo evitar pensar máis en que dentro dun ano estarei na mesma situación ca ela: pechando unha etapa da miña vida. Parece que, cando xa estamos acostumados a un cambio, chega a hora de sufrir o seguinte. E así, o mundo xira sen que te decates do lonxe que van quedando as portas que levas abertas ao longo da túa vida.
Ou a memoria, esa señora que habita escondida nas nosas cabeciñas e que nos garda os momentos máis trascendentais do vivido, previo pago da sensación de “parece que foi onte”. É incrible como tres anos, por exemplo, se reducen a un feixe de lembranzas. Non obstante, se te paras a pensar... daste de conta de como cambiou todo nese periodo, comezando pola xente e seguindo cunha mesma. E, a pesar de todo, sabes que “seguimos sendo nós”.
Cambiamos nós, e connosco a nosa maneira de sentir. E dáche rabia cando sentes algo que non desexas, cando os teus sentimentos ou os de quen te rodea evolucionan de xeito negativo ou cando che gustaría que as cousas fosen doutra maneira. Pero, por outro lado, está a tranquilidade de saber que todo pasa, porque así cho demostrou a experiencia, de que tamén gardas sentimentos preciosos e de que nunca sabes que se esconde trala seguinte porta da túa vida. Quizais, todo aquilo que estabas agardando, ou todo o contrario. Pero sempre é bonito pensar que non vivimos en van. E que, aínda que a priori dea pena, pechar unha etapa serve para quedar co mellor dela, fundamentalmente persoas, e seguir descubrindo o que a vida che ten reservado na seguinte.

17 mayo, 2006

"Porque me sae de dentro"

Antes de nada, aproveito para dicir que teño problemas co meu ordenador e esa é a razón principal de que teña isto medio abandoado, á parte de que na facultade nunca teño tempo para poñerme a escribir nada (estamos ata arriba de traballo).
Ata que nos amañen o problema, só son quen de estar conectada un par de minutos seguidos. Non obstante, non quería deixar de escribir nun día coma hoxe, así que aproveito para poñer algo breve: unha cita de Castelao que penduraron nunha gran “lingua galega” de cartón na miña facultade, ademais de repartir piruletas con máis citas do artista (boa iniciativa, en tódolos sentidos). As verbas escritas nesa gran lingua penso que poñen de manifesto a importancia do galego, alomenos, para min:

“Se aínda somos galegos, é por obra e gracia do idioma”

Síntome moi orgullosa de falar unha das linguas máis fermosas do mundo. E “fáloa porque si, porque me gusta porque me peta e quero e dáme a gana, porque me sae de dentro, alá do fondo (...) e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo unha historia contada noutra lingua”.

07 mayo, 2006

Tebras

"Tebras" é o título dunha curta que fixeron uns amigos meus de clase e na que eu tamén participo uns segundiños (¡e xa van cinco con esta!). Está colgada na web de Curtas na Rede, porque vai participar nun concurso que organiza a Secretaría Xeral de Comunicación. Anímovos a que a vexades (aínda que me comentaron que a calidade na web é mala) e a que votedes que vos pareceu. Como dato, engado que esta é a segunda vez que estes amigos participan no concurso e que na 1ª edición levaron o primeiro premio. ¡A ver se volve haber sorte!

03 mayo, 2006

Día da liberdade de expresión

¿Que mellor día que hoxe, para que sexas ti quen opine sobre a liberdade de expresión?
¿Ata que punto cres que se dá? ¿Está en perigo?
¿Pensas que, ás veces, as maiores barreiras son as que nos poñemos nós a nós mesmos?
¿Sénteste, cres que vives e cres que es libre?
Opina... ou non.