Mundo á parte

21 mayo, 2006

A vida que pasa...

E a susceptibilidade que, ás veces, se apodera de min, facendo que emerxan certos sentimentos, profundos coma o lugar no que se esconden. Sentimentos que non sei describir, porque é coma se formaran un gran puzzle no que algunhas pezas encaixan, pero outras, quedan soltas por algún cabo. Entón, ¿cómo estou? Melancólica, relaxada, agobiada, leda...
É curioso como un día coa súa noite quedan gravados no calendario mental sen necesidade de saír da casa; como un par de conversas, e non cara a cara, me fan reflexionar sobre moitos asuntos.
Asuntos coma o paso do tempo. O que fomos, o que somos agora e o ¿que seremos? Tralo acto de licenciatura de
Mariquinha, non podo evitar pensar máis en que dentro dun ano estarei na mesma situación ca ela: pechando unha etapa da miña vida. Parece que, cando xa estamos acostumados a un cambio, chega a hora de sufrir o seguinte. E así, o mundo xira sen que te decates do lonxe que van quedando as portas que levas abertas ao longo da túa vida.
Ou a memoria, esa señora que habita escondida nas nosas cabeciñas e que nos garda os momentos máis trascendentais do vivido, previo pago da sensación de “parece que foi onte”. É incrible como tres anos, por exemplo, se reducen a un feixe de lembranzas. Non obstante, se te paras a pensar... daste de conta de como cambiou todo nese periodo, comezando pola xente e seguindo cunha mesma. E, a pesar de todo, sabes que “seguimos sendo nós”.
Cambiamos nós, e connosco a nosa maneira de sentir. E dáche rabia cando sentes algo que non desexas, cando os teus sentimentos ou os de quen te rodea evolucionan de xeito negativo ou cando che gustaría que as cousas fosen doutra maneira. Pero, por outro lado, está a tranquilidade de saber que todo pasa, porque así cho demostrou a experiencia, de que tamén gardas sentimentos preciosos e de que nunca sabes que se esconde trala seguinte porta da túa vida. Quizais, todo aquilo que estabas agardando, ou todo o contrario. Pero sempre é bonito pensar que non vivimos en van. E que, aínda que a priori dea pena, pechar unha etapa serve para quedar co mellor dela, fundamentalmente persoas, e seguir descubrindo o que a vida che ten reservado na seguinte.

10 Comments:

  • At 4:43 a. m., Blogger María M said…

    Ai! As eternas preguntas de sempre, ¿quen somos? ¿de onde vimos? e ¿a onde vamos? Para respondelas vou tomar prestado o guión de Bicos con lingua. ¿De onde vimos? Esa é facil, nos somos de Vedra e vimos dalí. ¿A onde vamos? Esa tamén é facil, cando esto remate, volvemos pa Vedra, porque vivimos alí, jeje. ¿Quen somos? Uf, esta... Mira, eu son galega ¿e ti? Tamén, ¿non? Pois iso.

    Fun feliz nesta etapa, o meu balance é ese. De feito, é o balance de tódalas etapas da miña vida. Non falo de días nin de meses, porque tamén os tiven tristes, pero as etapas case sempre son máis longas. E eu fun feliz. O caso é que decidín que non vou pechar esta porta. non quero rematar esta etapa, vou facer que sexa máis longa, que evolucione pero que non remate. Creo que se pode conseguir. Bueno, nena, bicos. :)

     
  • At 12:10 p. m., Blogger cneirac said…

    Non, se voltades de saír os sábados con cada melopea de vida interior ... ;-)

    Co ben que nolo fixestes pasar o venres en Muros!

    Bicos

     
  • At 3:46 p. m., Blogger *Sara said…

    Calidonia, ¿non me digas que viñeches vernos??? ¡Que ilusión e que sorpresa!
    Alédame saber que o pasaches ben, pero para outra vez avisa, home, que te convidamos a unha caña!!!
    Admitimos críticas positivas e negativas ;)
    Un biquiño e graciñas!

     
  • At 4:58 p. m., Blogger acedre said…

    A vida e asi e avanza sen mirar o que deixa atras e o que ten diante.
    Hai que pasalo o millor posible (de maneira legal,eh?) e que nos quiten o bailado.
    Un saudo e que desfrutes co cumpre da tua curma.

     
  • At 1:19 a. m., Blogger amarante said…

    Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.

     
  • At 1:21 a. m., Blogger amarante said…

    Creo vivir unha situación semellante. De feito a conversa constátao. Querer para o tempo, conxelar o momento e desfacelo ata que esvare pola gorxa, prologándose ate o infinitivo.

    Vanse pechando etapas.¡eu non quero pechar esta etapa! creo que aínda me queda moito por coñecerte/vos e que adquirir de conversas, de cafés, de documentais e de programas de radio. o problema que por máis que pinche en bucle, dame error. e non vale de nada chorar.
    Pero o bo é iso, o que en ti queda de cada persoa. Ese anaco que che fai medrar. Sempre gardarás sensacións, sentimentos, momentos. E todo iso son lembranzas. Eu sempre digo o mesmo. Que as lembranzas non se pouden roubar.
    Agora poñendo musiquiña...
    "Os tempos son chegados das vaguedades, brindamos a loucura e a inmensidade,pasamos toda a noite eu máis ela...na lúa de santiago de compostela."
    E que non pare de soar esa canción...Q non pare!

     
  • At 5:24 p. m., Anonymous Anónimo said…

    eu é que cheguei á conclusión de que, alomenos para o meu sistema, o mellor é non ver a vida como unha sucesión de etapas. Eu vou, e o que me interesa, o que quero, vai comigo. Que pechei unha etapa só o sei tempo despois, cando descubro que a neurona escribiu varias cousas xuntas nun postit que pegou por dentro do cráneo. hoxe ando aquí, pero sei que a vertixe (moi bonita é esta palabra) que dá pensar o que virá cando unha situación ubicable no tempo e predecible(lárgome da facultade) chegue é só iso: vertixe. o lugar no que esté logo tamén me ha gustar porque creo que teño moito que dicir na súa escolla e porque, coma sempre, eu fun e o que quixen/puiden conservar veume detrás...

     
  • At 8:04 p. m., Blogger Unknown said…

    ainsss, cando penso nestes temas dame a impresión de que teño 40 anos, no canto de 22... pero son preguntas das que non podemos fuxir. Estou dacordo con Marinquinha, penso que podemos alongar esta etapa un pouco máis ;P

     
  • At 9:58 a. m., Blogger Elianinha said…

    A min mo vas dicir, que este ano está sendo un dos máis tristes na carreira... Case todos os meus amigos colleron a especialidade de audiovisual, polo que disfruto dun horario practicamente incompatible co deles. Non me apetece ir á clase porque me desespera (a parte de que as aulas nas que se dá electrónico son fervedoiros de calor, e os ordenadores nunca van ben), nas poucas clases nas que podemos coincidir case non nos vemos. Case non podo falar con eles. Por exemplo, a amiga coa que me fun a Burdeos traballa na Coruña e fai prácticas, polo que nin sequera nos vemos en francés. Xa non hai aquelas comidas familiares en torno aos pratos combinados de Suso, nada. A maioría fai prácticas ou traballa, ou por motivos persoais, a penas saímos xuntos. As dúas persoas que máis quero, unha téñoa en Barcelona e a outra, non sei nin onde está. E para o ano? Pois cada un para o seu curruncho, e aínda que nos prometemos vernos todos alomenos catro veces ao ano, sabemos que vai ser moi difícil, que o intentaremos, pero que todo se vai deteriorando. Menos os sentimentos. O aprecio que xurdiu destes catro anos de carreira é imborrable. Aproveita cousas como o acto de licenciatura, o paso de ecuador (eu chorei moitísimo no paso de ecuador, porque sabía que era unha das últimas ocasións para estar todos xuntos, poden dar fe os meus amigos, que os fixen chorar a todos), as ceas, ata os xantares e os traballos, porque van formar parte deses recordos marabillosos. Para min foi a etapa máis feliz da miña vida: a independecia de poder decidir eu mesma o que fago e o que non, conducir, os meus amigos e amigas, Francia, as viaxes, ata coñecer a xente coma Outeriño, as prácticas todas, os amores e desamores... as noites que non rematan, e as clases interminables. A liberdade. Para min foi a mellor etapa da miña vida, e dígocho eu, que se me remata nun mes. Mellor que fose feliz, ca o contrario. E que me quiten o bailao!

     
  • At 9:59 a. m., Blogger Elianinha said…

    Toma sermonzazo!!!
    A ver quen o le enteiro. Jajaja

     

Publicar un comentario

<< Home