Mundo á parte

31 marzo, 2006

Os homes só contan até tres

SE POLO TEU AMOR FOSE
POR AMOR EU MORRERÍA,
POIS TAN CERTO COMO A MORTE
NOS ESPERA NAS ESQUINAS
MORRER CONTIGO É A VIDA.

AMOR, BICAS CANDO MIRAS.
SE TE AUSENTAS, MARTIRIZAS.

A. Lopo


Estes versos cantados por Ugia Pedreira son o telón de fondo da última montaxe teatral con tintes de "performance" de Factoría Teatro.
Helena, unha das protagonistas, sométese con resignación ás catro paredes do piso onde convive con Luísa, súa irmá, sen mostrar interese por nada que estea do outro lado. Namentres, Luísa triunfa con orgullo á súa conta como dramaturga e actriz, levando unha vida de aparente plenitude.
O mundo destes personaxes antitéticos sofre un cambio cando Nico, o novo mozo ademais de compañeiro de reparto de Luísa, entra nas súas vidas. Si, nas súas vidas, porque convivirá con elas e irá descubrindo o xeo e a insensibilidade que hai baixo a pel da muller da que cría estar namorado, á par que verá en Helena todo o que Luísa era incapaz de darlle: amor e compresión de verdade.

A pesar de que se deixan levar pola paixón aproveitando unha viaxe de Luísa, hai algo máis forte que os sentimentos de Nico e Helena: a obsesión desta pola súa irmá, o amor e admiración que lle ten. Luísa representa un poder tan forte e destructivo para Helena, que a anula, convertindo a súa inseguridade en veleno mortal.
Non só na ficción existen persoas como Luísa ou Helena. As relacións baseadas nesta especie de poder incontrolado dunhas persoas sobre outras, e máis aínda, se van acompañadas de sentimentos, poden supoñer a destrucción dun mesmo.

22 marzo, 2006

Día da poesía

21 de marzo

Nós, Eduarda, nunca estivemos no ventre da balea, tampouco a cazamos. Somos operarias, sangramos as mans no peixe e nas súas redes. Nós abastecemos as despensas de coidados, por obriga e por "destino natural". Mantivemos os corpos sometidos ás regras da mirada patriarcal, axustados ás prácticas impostas, persguidoras da moral. Tecemos soias estas teas. Nómadas en tránsito cavamos na terra que nunca posuimos e no idioma, cultivamos o centeo e fomos controladas polos seus fillos máis agrestes. (...) Agrarias e cyborgs en desorde desafiamos as normativas do desexo, tan político o pracer. Debandamos as cartografías dos plurais, o seu tránsito e as fugas, socavamos os discursos, transgredimos ou cedemos, tomamos as medidas desa autoridade, desfacemos as costuras e berramos consumidas desta furia: non hai patrón, Eduarda, non hai patrón! (...). Ana Romaní.

Hoxe foi día da poesía, pero tamén día de homenaxe a Rosalía e a tódalas mulleres. Gustoume vestir de muller do S.XIX, repartir flores cor violeta e bailar ó son de pezas tradicionais. Gustoume recitar un fragmento da Alborada e ver como caía a chuvia ó son de Lela, que levaba sabor de acordeón. Gustoume sentir a letra escarlata tatuada no meu peito co lume dos versos de Mónica González, e do meniño que levaba nela. Gustoume coñecer a Ofelia Nieto e ás Marías en persoa, escoitar a fermosa voz de Najla Shami dende o Arco de Mazarelos e ver á propia Rosalía lembrando os seus tempos de actriz. E tamén foi emocionante ver diferentes mulleres relacionadas coa cultura recitando poemas rosalianos cheos de forza e sentimento, á beiriña de onde descansa a propia poetisa. Alí, na capela de Bonaval, xunto con Castelao e Alfredo Brañas.

08 marzo, 2006

Violeta

A vida con humor, sabe mellor...
Hoxe foi o noso día, pero que tamén o sexa o resto do ano.

P.D.Calidonia, noraboa. ;)

06 marzo, 2006

Aplausos, por favor...

¡¡Un aplauso para todos os que temos que estudar oito temas repletos de parágrafos como este (e sen posibles variacións nin sequera de signos ortográficos)!!:

Entendemos por Xornalismo Especializado aquela disciplina científica que estudia o proceso de selección, interpretación, valoración e produción das mensaxes informativas de actualidade que, estructuradas nun contexto de causalidade múltiple e interdisciplinar, e valéndose dun discurso coherente, obxectivado, comprensible e intersante, divulgan a través dun medio de comunicación e a públicos amplos as distintas especialidades do saber humán, coa fin de dotar de sentido global á realidade e satisfacer, eiquí e agora, a demanda de coñecementos que serven para interpretar con visión de futuro a complexidade do mundo actual.

E un aplauso para ti tamén, se é que fuches quen de chegar ata aquí...

Eu non podo máis.