Os homes só contan até tres

POR AMOR EU MORRERÍA,
POIS TAN CERTO COMO A MORTE
NOS ESPERA NAS ESQUINAS
MORRER CONTIGO É A VIDA.
AMOR, BICAS CANDO MIRAS.
SE TE AUSENTAS, MARTIRIZAS.
A. Lopo
Estes versos cantados por Ugia Pedreira son o telón de fondo da última montaxe teatral con tintes de "performance" de Factoría Teatro.
Helena, unha das protagonistas, sométese con resignación ás catro paredes do piso onde convive con Luísa, súa irmá, sen mostrar interese por nada que estea do outro lado. Namentres, Luísa triunfa con orgullo á súa conta como dramaturga e actriz, levando unha vida de aparente plenitude.
O mundo destes personaxes antitéticos sofre un cambio cando Nico, o novo mozo ademais de compañeiro de reparto de Luísa, entra nas súas vidas. Si, nas súas vidas, porque convivirá con elas e irá descubrindo o xeo e a insensibilidade que hai baixo a pel da muller da que cría estar namorado, á par que verá en Helena todo o que Luísa era incapaz de darlle: amor e compresión de verdade.