Mundo á parte

22 julio, 2006

Na casa do ferreiro, coitelo de pau...

BLA Ás veces, falas con persoas que, polo que representan profesionalmente, deberían contarche moitas cousas interesantes e de proveito, ideas e conclusións propias froito da experiencia. E, porén, das con persoas dese tipo que falan moito pero que apenas din nada.
BLA
Dende o outro lado, cando tés que manter unha actitude correcta despois de facer a mesma pregunta tres veces e ser esquivada outras tantas, non queda máis sensación que a de sentirse... frustrada? Non sei se é iso exactamente, porque non é que non che respondan. Fano, pero de xeito que esa persoa di o que quere ou o que lle convén. Entendo que a xente non queira meterse en camisas de once varas, que modere un pouco o que sabe que vai ser publicado... Pero por favor! Hai maneiras de ser sutís, de dicir as cousas e de demostrar que tés criterio, valores e que estás aí ("arriba", ademais) por algo.
BLA
Ao rematar, daste conta de que estiveches a falar cunha persoa media hora e de que da cantidade de cousas que che contou, tres cuartas partes son obviedades. E hai que buscar un titular... e un subtítulo... e dous destacados... mimadriña! Se de onde non hai, non se pode sacar...
BLA
Loxicamente, tampouco che queda moi bo recordo desa persoa en cuestión. E que conste que, neste caso, apenas sabía un par de datos básicos dela antes da conversa pero, despois, entereime de que non goza de moi boa prensa(e nunca mellor dito) en xeral. Comigo non é que fose desagradable, nin moito menos, pero deume a impresión de que, por momentos, falaba con dúas persoas distintas. En fin. Ao mellor só son percepcións miñas, pero sinto que pouco quitei en limpo. Supoño que terei que atopar moitas máis persoas así ao longo da profesión e da vida, que non todas van ser tan riquiñas como a da miña primeira entrevista. "Gajes del oficio". BLA

18 julio, 2006

En resumo...

Se Elianinha me di que actualice, eu actualizo, que menos! Como é a única que mo pide... ;D. O certo é que non me apetece demasiado, todo sexa dito, aínda que por outra banda sei que é bo dar sinais de vida de cando en vez. Pero é que estar case toda a tarde diante do ordenador, tamén cansa, ¿eh?
Esta fin de semana foi un paréntese neste verán atípico ao que xa me acostumei. Logo de traballar doce días seguidos, á fin chegou ese ansiado par de días libres. Comezou cun venres no que a nosa intención era marchar logo do traballo a Ribeira, cidade centenaria. Non para ver aos reis, claro, senón para durmir polas mañás, ir á praia polas tardes e pasear por aí polas noites. Porén, ao saír de traballar fomos tomar algo por aí con Alba, despois decidimos dar un paseo e comer un xeado, chegamos ao Obradoiro, de paso quedamos a escoitar o pregón (que foi aburrido, penso), e, xa que estabamos, quedamos a escoitar un par de cancións de Rosa (siiiii, a de OT... -vai por ti, Bea ;)-, ese par convertíronse en todas porque coñecimos a uns peregrinos-ciclistas de Madrí, moi simpáticos eles, levámolos "tomar queimada", fixémoslles compaña un pouco... e deron unhas cantas horas máis das que tiñamos previsto para marchar a Ribeira. Foi desas noites nas que non tes plan ningún e acabas pasándoo xenial porque todo se vai encadeando sen saber que vai ser o seguinte.
E en Ribeira, o dito. Desconexión total. Hoxe volvimos directas a Galicia Hoxe e entereime de que saiu publicada onte a miña primeira entrevista, é dicir, o meu primeiro traballo firmado. Estou contenta. Pronto haberá máis. A verdade é que estamos moi a gusto alí, tivemos sorte, porque nos tratan ben, escribimos en galego, a xente é en xeral moi agradable e temos un bo horario e un bo lugar, aínda que non se libra da calor... E tamén me alegra saber que os meus amigos tamén están contentos cadaquén no seu lugar de prácticas. E saber que teño setembro limpo e que nunca máis estudarei apuntes de Xornalismo Especializado. Iso. En xeral, estou ben. Só que, ás veces... Bah, ás veces nada.

05 julio, 2006

Primeiros contactos

Hoxe foi o segundo día de prácticas. O segundo día desta aventura na que, como di Mariquiña, "xogamos a ser algo". Tocoume a sección Nacional/Internacional e, a pesar de que prefería Maré ou Sociedade, de momento estou contenta. Iso de dicir que che toca "tal ou cal" sección é un tanto relativo, pois onte fixen tres noticias sobre política española, pero tamén unha sobre economía. E hoxe (onte xa, mellor dito), tíven que elixir fotos curiosas e logo buscar información sobre elas para a sección de Ó peche, que é unha páxina así light.
Mariquiña e Patricia, unha compañeira, están en Sociedade/Verán e teñen a posibilidade de facer entrevistas, de cubrir festas e todo iso. Son traballos diferentes e non estaría mal probar un pouco de todo, pero xa se verá se podemos cambiar cando pase un mes. Alba, outra amiga, está en Maré e Carmen, que xa fixera prácticas en inverno, en Galicia, aínda que un pouco descontenta.
A redacción está moi ben, noviña e chea de xente (sobre todo, mulleres), e ao lado traballan os do Correo. As miñas "xefas" son agradables e bótanme unha man cando o preciso. Espero que non se cansen de min, porque cando me poño a preguntar...
A fotonoticia de enriba non se ve moi ben nin ten moito interese, pero púxena porque foi unha das primeiras que fixen e, aínda que temos que asinar coa axencia da que quitamos información, quedarame a anécdota de que por algún lado pon o meu nome. Pode parecer algo nimio iso do Sistema de Aplicacións e Redes para as Administracións, pero eu estou encantada de que me mandaran falar do tema.