'Risa'

- Como te chamas?
- Sara.
- Ah, como miña nai...
- ¿?
- Claro, ¡na Biblia!
(Risas)
Non quero esquecer os 40 minutos nos que o tiven sentado ao meu lado no seu despacho do IGI, mirando para min e, de vez en cando, ao pasado, con eses vitais ollos de neno que guían un corpo que xa lles queda maior.
E tampouco quero esquecer ningunha das lembranzas que quixo contarme, agora capturadas en cinta e papel e, sobre todo, na miña propia memoria. Memoria. Esa palabra pola que tanto fixo...É impoñente e é algo único ao mesmo tempo, que alguén che narre 87 anos de historia en primeira persoa, coa lucidez e co sentido do humor dos que goza Díaz Pardo, malia o seu pesimismo.
É unha persoa que se fai querer, desas que todo o mundo cualifica de "entrañable". E é que o é. Faite sentir como se estiveses falando co teu avó. Salvo cando, de repente, lle preguntas algo que te pon diante da realidade, facéndote caer na conta de que "velaí estás", fronte a un home que viviu a República, a Guerra Civil, o franquismo, o exilio, a transición e a democracia. E fálache de seu pai, dos carteis do Estatuto, do seu adorado Castelao, do seu amigo Luís Seoane, da súa muller, do exilio, da fame, da guerra... e da Cidade da Cultura, do actual Goberno, do galego, de Saramago, da sociedade actual... fala del e, en definitiva, dun pedaciño da historia de todos nós.
E logo, ese respecto que sentes ao falar con el, vólvese de novo tenrura cando che di que te achega no seu coche ata a axencia, e que "nada de coller un taxi". E aí estás, el conducindo e ti ao seu lado nun momento que, quen sabe se se volverá a repetir algún día... E entón sénteste privilexiada nos 15 minutos que dura o traxecto. E non che importa ir ao xeitiño, nin que o coche que vén detrás se desespere, porque ti estás escoitando a voz dun que di que a súa vida "foi unha sucesión continua de fracasos", a pesar de que o seu nome "significa risa".
Etiquetas: cousas da vida, ilusión, prácticas