Mundo á parte

20 octubre, 2006

"Ashlama"!!

"Ashlama". Así se saúda en Túnez, algo que me contou Bea antes de marchar. Non obstante, tamén podería dicir "ola, ola, pepsicola". Aos turistas vennos vir de lonxe. A vinte metros xa escoitas "Pantoja!", "Elsa Pataky!", "Shakira!". Entre os que gozan de máis repertorio, hainos que saben da existencia de Galicia e do Deportivo e do Celta. Todos saben falar francés á parte de tunecino, pero moitos tamén controlan italiano e español, sobre todo, aqueles que se dedican a vender (e non son poucos). E tamén controlan a arte de sobar. Entre tanta xente é sinxelo recibir, ademais de toqueteos, dende as proposicións máis indecentes ata as máis serias (chegando ao matrimonio). E descubrimos que agora xa non te cambian só por dromedarios. Tamén ofrecen ferraris.

Debíavos un post sobre estas terras africanas. Podería telo feito hai dúas semanas case, pero estiven esperando a ter máis fotos que as miñas para elaboralo. Na selección que colguei podedes ver a maioría dos lugares tunecinos que visitamos durante o Paso de Ecuador. Imaxino que algúns vos dirán máis ca outros, pero, no que a min respecta, podo dicir que volvín moi contenta da viaxe. Houbo tempo para pasalo ben e para coñecer novas cousas. Si, eramos "guiris" aloxados en superhoteis nun país onde boa parte do norte está máis occidentalizado e vive do turismo e o sur... o sur vive do que pode. Como en tantos lados. Foi algo que puidemos ver cos nosos propios ollos, aínda que fose a través da ventá dun autobús. Ese contraste entre a xente, os costumes, a calidade de vida, as cidades... dunha e doutra zona do país. Que contarvos que non esteades a imaxinar!! E tamén puidemos ver numerosas paisaxe: unhas desérticas, outras frondosas, unhas máis espectaculares que outras, pero todas elas bañadas por unha luz tan radiante que moitas veces custaba manter os ollos abertos. Esa luz tamén se deixa sentir no mar, como podedes ver nas fotos de Cartago. Non é de película?

A través das fotos, imaxino que vos facedes unha idea do país. Da miña experiencia persoal como integrante desta viaxe de colegas e amigas (só había tres rapaces), destacaría... buf! Un montón de cousas!! A harmonía que reinou entre todos, os bos momentos entre nós, as gracias de Adela, as integrantes da miña habitación, conversas no bus, o guía Mohamed I (do segundo, nin oír falar; machista, xenófobo e maleducado!), o sabor da cachimba, as 'Celtia', os baños no mar e na piscina, esa bronca inxusta dos turistas españoisdenonseionde que en plan sarxento nos dicían "pero que imagen estais dando??? Eso lo haceis aquí porque creeis que estais en un país tercermundista" (Cre o ladrón que todo son da súa condición. O único que fixemos foi gozar do permiso do hotel para bañarnos na piscina de noite, sen ningún tipo de escándalo. E víñannos botar eles, non os responsables do hotel!!).

Sigo. Atoparme con dúas parellas de veciños de Vedra e unha delas nun dos hoteis do deserto (iso non ten prezo!). Montar en dromedario, en 4x4 cun guía que lle daba caña ao vehículo e que nos ensinou as cores, os números e a brindar en tunecino, ser consciente de estar pisando o Atlas e o Sahara, estar nos lugares das rodaxes dalgunhas pelis, poñernos a metade do grupo de acordo para coller un virus (aínda que uns tivemos máis sorte que outros) a inmensidade do deserto e do lago salgado, Cartago, Sidi Bou Said (que significa Santo Padre Alegre ou algo así e que, segundo case todos é unha vila branca e azul porque son as cores da paz e do mar, respectivamente, excepto para o guía Mohamed II que opina que é así para espantar os mosquitos). A cea na Haifa, as bailarinas, a xuntanza co outro Paso de Ecuador, a singularidade dos animadores do hotel, os chistes do señor do palmeral...

Vai ser que paro, que xa está ben. Seguiría, pero non é plan de abusar. Se lograches ler ata aquí, noraboa!! Agardo que gozaras das fotos tanto coma nós de Túnez. Levo un fermoso recordo por todo: polo país e pola xente coa que o compartín. Oxalá o tempo permitira darlle a "pause" en algúns momentos, igual que o photoshow.