Mundo á parte

03 mayo, 2007

Chicass 10

Subiron á tarima do auditorio visiblemente nerviosas. Camiñaban apurando o paso, unha detrás da outra, apretando ben os beizos e os papeis onde levaban gravadas palabras de esperanza e de coraxe. Unhas duascentas persoas agardabamos impacientes que comezaran a contarnos as súas experiencias. E iso, se estás acostumada a pasar as 24 horas do día entre reixas, non debe de ser nada fácil.
O 3 de maio é unha data máis no calendario para a maioría. Os que nos movemos no mundo da información e da comunicación, sabemos que é cando se conmemora a liberdade de expresión e de prensa, pero para as catro mulleres do cárcere de Teixeiro que se achegaron hoxe ata a nosa facultade, significou moito máis. Foi unha ocasión excepcional na que puideron falar en público e con total liberdade.
Viñéronnos dicir, entre outras moitas cousas, que "aí están", loitando para conseguir melloras nun centro onde, como a maior parte dos cárceres, as normas e a estrutura están pensadas para homes e non tanto para as necesidades de mulleres (moitas con fillos).
Esas catro reclusas, en representación de moitas outras, presentáronnos un proxecto promovido por Nosotras intramuros que consiste nunha revista feita exclusivamente polas internas: Chicass 10. Os contidos céntranse sobre todo en temas de interese para elas. Hai algunhas seccións fixas como unha na que narran a súa experiencia vital e, á parte, inclúense contos, relatos curtos, poesía... (algo que se poderá ver estes días nunha exposición montada na cafetería da facultade).
Contaron tamén
que, a pesar de que podían escribir sobre o que querían, está prohibido falar mal do funcionamento interno do cárcere de Teixeiro ou dos que traballan nel e tamén faltarlle ao respecto a calquera persoa. Como anécdota, reveláronnos con pillería que conseguiron saltar a medias esa barreira a través "dun horóscopo que se convertiu nunha das seccións preferidas", xa que tiran do inxenio e da metáfora para facer certas reivindicacións.
Outra cousa que me sorprendeu foi o seu método de traballo. No cárcere hai un alto grao de analfabetización, mais iso non é impedimento para que quen queira expresarse en Chicass 10 poida facelo. As mulleres que saben escribir recollen o que outras lles relatan. Logo, as que controlan de informática, son as encargadas de pasar o texto ao ordenador, maquetar... Un verdadeiro equipo, que penso que ben merece un aplauso (e máis) nun día coma hoxe.

Etiquetas: ,

1 Comments:

  • At 12:58 p. m., Blogger paideleo said…

    Pois un aplauso para esas mulleres e o seu horóscopo. E para ti que todo che vaia ben e que non sexa mui dura a túa marcha da TVG. A ver se consegues algo bo.

     

Publicar un comentario

<< Home