Mundo á parte

21 enero, 2007

Pés cansos, noites xeadas

Volvina ver por cuarta vez naquela noite, que xa non era a primeira. Camiñaba coma sempre: lenta, pero sen pausa, e cun sorriso de orella a orella. Os seus brazos seguían cargados dos chismes máis estraños. Tamén de rosas, como non.

Primeiro entra nun lugar de viños. Despois, nun pub. E noutro, e noutro máis aínda, sempre co mesmo sorriso inalterable. Non é que me persiga. É do que vive.

Algúns aínda a miran. Rin cos seus estrafalarios xoguetes luminosos e ata lle mercan algo para logo facer o parvo. Outros, obsérvana con desprezo. Non, a min non veñas. E, a maioría, fai coma se non existise. Dun lategazo de indiferencia, o sorriso de porcelana bórrase nos ollos dos que non queren ver.

Malia todo, a muller do país dos ósos de dragón non se detén. Non pode. Son as cinco da mañá e aínda ten por diante o resto dunha noite máis nesa terra estraña na que aterrou. A frialdade seguirá esperándoa tralas portas dos locais que percorre case todas as lúas, pero ela amosará a súa mellor cara. Quizais, alguén repare no gastadas que ten as solas do seu calzado. Quizais, alguén caia na conta de que, ao mellor, noutrora e noutro lugar, nunca imaxinou ter que recoller o seu orgullo unha e outra vez en noites tan xeadas.

Etiquetas:

12 Comments:

  • At 10:24 p. m., Blogger paideleo said…

    Dende logo que xente así ten o seu corazonciño e merece o maior respeito pola nosa parte.

     
  • At 6:48 p. m., Anonymous Anónimo said…

    enhoraboa, gustoume moito a mensaxe.

    Deberías publical nalgún xornal local.

    Xenial!!!

     
  • At 3:33 p. m., Anonymous Anónimo said…

    encántame a xente sensible a estes problemas tan humanos. a vida pode ser moi bonita pero o prezo que teñen que pagar algunhas persoas por esa beleza as veces e terrible

     
  • At 12:38 a. m., Blogger cneirac said…

    Intres de sensibilidade exquisista.

    Lembroume un conto de Manolo Rivas cuxo título agora non lembro. Era sobre unha muller que "roubaba" as flores duo camposanto para poder vende-las e subsistir.

    Alguén sabe en que libro estaba?

     
  • At 6:48 p. m., Anonymous Anónimo said…

    As inquietudes da alma percorren camiños cheos de sombras, mais quizais, queda nalgún lugar perdido da cidade invisible o resplandor dunha mirada inocente?
    O vestixio da pouca humildade e ilusión que podo dar, pon nas miñas mans a eterna ilusión de reencontrarme sempre coa luz e de que os non-lugares son os camiños dos reencontros eternos das olladas.
    Camiño por Compostela....perseguenme as sombras...non hai dúas iguais..reflexos...pasos...coñezo esta cidade dende ....será que teño fobia ás sombras ou ós seus reflexos, á escuridade...a que mañá desperte nun non-lugar.

    É a primeira vez que entro nesta páxina e de certo (Sara), o que escribiches hoxe mostra unha moi forte sensibilidade, enhoraboa.
    Ata outra OLLADA.

     
  • At 3:25 a. m., Anonymous Anónimo said…

    paréceme verdadeiramente fermoso. felicítote. (tiven que lelo dúas veces para entendelo: porque o difícil é máis interesante?). co frío que vai agora...ai!
    sen embargo, o que a min me fai recapacitar, máis aló da forma, é a sensación de que calquera, eu mesmo, por que non?, podería ser esa persoa. e afondando no meu interior sinto dor de min mesmo, unha dor egoísta e fría coma esta noite sen estrelas, porque penso que faría eu? e todos deberiamos preguntarnos: e ti, que farías?

     
  • At 12:00 p. m., Blogger Elianinha said…

    Que bonito sara, que fagas unha reflexión así dun problema diante do que todos pechamos os ollos.
    Calidonia, esa muller existe. Hai unha muller no concello de Vedra, creo que é de Santa Cruz de Ribadulla, pero non estou segura, que ía aos cemiterios despois dos enterros para revender as flores. Cousas da vida, que di Sara.

     
  • At 1:27 p. m., Blogger *Sara said…

    Moitas gracias a todos polos vosos comentarios :)

     
  • At 11:42 p. m., Blogger amarante said…

    sublime

     
  • At 11:52 p. m., Anonymous Anónimo said…

    Que lindiña eres!

     
  • At 6:53 p. m., Blogger Murrucha said…

    Bonita reflexión, nunca mellor dito, un fiel e entrañable reflexo dunha realidade. Palabras coma estas serven para pararse a pensar e virar as costas. Poñer cara a problemas que a teñen borrosa.

    Bikos Sariña!!

     
  • At 1:37 p. m., Blogger Elianinha said…

    volve sara!!!

     

Publicar un comentario

<< Home