Mundo á parte

30 enero, 2006

Se equivocó la paloma


30 de xaneiro. Día da paz (fermosa palabra). Alomenos, nas escolas de por aquí. En certa medida, é unha pena que cousas coma esta e moitas outras teñan que ter un día específico para que se fale delas, para que a xente garde silenzo uns minutos ou para que os medios de comunicación lle dediquen un anaco dese tempo tan dourado do que dispoñen, se é que o fan. Pero tamén é certo que os nenos teñen unha óptica diferente á dos que xa non o son. Eu lembro que cando pintaba pombas brancas, ou facía murais cos meus compañeiros en contra da violencia e aprendiamos cancións para cantalas todos collidos da man no patio, o faciamos con sentimento. Estabamos convencidos de que aquelas pombiñas que ceibabamos levarían a paz alá onde puideran voar. Criamos no que faciamos. Pero tampouco sabiamos nada da vida.
Arrea... escribo como se pasaran 20 anos, que son os que teño, pero é que aínda que non correra tanto o tempo, foi suficiente como para caer na conta de que a paz (a paz no mundo) é unha utopía. Oxalá tivera unha conciencia infantil para crer o contrario. Oxalá non se equivocaran as pombas brancas que ceibamos. Oxalá non fora necesaria a existenza dun día coma hoxe.