Mundo á parte

07 enero, 2006

¡¡¡Mentalización!!!

Xa pasou o día de Reis (que se portaron moi ben, por certo...), así que se pode dicir que o Nadal acabou. "¡Ohhhhh!", diredes algúns. Outros saltaredes de ledicia e outros, coma min, lamentaremos que o fin destas datas é igual a comezo de clases... Non me importaría tanto de non ser porque durante as vacacións non fixen nin a metade (¡¿que digo?!) nin unha cuarta parte do que tiña pensado facer para a facultade. Propósitos non me faltaban, pero... xa se sabe. Chegas con estrés ao Nadal e claro, hai que intentar relaxarse. O malo é que, sen darte de conta, os días pasan e, ao final, rematas o dobre de estresada e agobiada. Hai cousas moi bonitas, tempo libre para estar coa familia e cos amigos e todo iso, pero tamén agobios entre ceas, comidas e compras, pouco tempo libre para traballar no teu... Vale... soa a escusas baratas. Total agora máis vale mentalizarse e non arrepentirse de nada, que o feito, feito está e, no fondo, creo que non me pesa tanto como debería... Ademais, hoxe tiñamos pensado ir ás rebaixas, pero fixemos o sacrificio de quedar na casiña e traballar. Vendo a foto, coido que non foi tan mala decisión tampouco, ¿non? En fin, agora só me queda aproveitar o pouco tempo que me queda. ¡Ánimo!