Mundo á parte

09 noviembre, 2005

Como mel nas filloas

Este é Artur Trillo. Dende onte, o novo profesor de teatro de Andaravía. ¡Que ganas tiña de empezar as clases! Como novidade, este ano iremos cambiando de especialidade teatral cada tres meses aproximadamente. Onte comezamos con Artur "creación e improvisación" e creo que todos os do grupo o pasamos xenial. Díxonos cousas como que "o importante son as ganas que poñamos á hora de facer algo. Se logo hai talento, pois mellor que mellor, como mel nas filloas" -de aí o título do post, jaja-. Rimos moito e sentín que o tempo voaba, iso que era de noite (as clases comezan ás 21:30 e rematan 2 horas despois). Teoricamente, despois dun longo día debería de ter máis ganas de meterme na camiña ou de non facer nada que de andar inventando unha historia libre sobre unha variña máxica ou de representar o conto da Cincenta. Pero non. As ilusións por volver a ter clases de teatro puideron co cansanzo e coa apatía. Non só pola novidade do profesor e das súas clases, senón porque tiña ganas de volver a pasalo ben cos meus teatreiros, de rirnos practicando unha das nosas maiores aficíóns: facer teatro. Como dixo Elianinha, para nós este xa será o 5º ano xuntos e Artur o noso 3º profesor (despois de dous anos co noso "descubridor", Pepiño, e de outros dous con Delfina, á que lle debemos, xunto con Nerea, a obra Bicos). Por moitas circunstancias, dos do principio de todo quedamos poucos, pero a nosa ilusión non ten data de caducidade e por iso estamos aí, ao pé do cañón ou, máis ben, ao pé das táboas. Ademais, alégrome moito de terlle contaxiado esta paixón a outras persoas que, dende o primeiro día que puxeron un pé no lugar onde ensaiamos, xa son parte de Andaravía e de Papaventos; de nós: María, Fina, Antón... Gústame que lles guste isto (non só facer teatro, senón o que conleva: montar escenario, cargar e descargar material, poñer focos, música... e, como non, o formigueo no estómago, o subidón que dá a calor do público, as conversas de despois de actuar, as ceas, a festa... jajaja). Non sei, igual que María e Eliana, que xa deixaron os seus post sobre isto tamén, síntome afortunada facendo algo tan bonito e productivo como é o teatro e, por riba, se é ao lado de persoas coma elas, pois... ¡mel nas filloas!