Mundo á parte

02 octubre, 2005

Compartindo soidade

Onte, despois de actuar, os meus teatreiriños mais eu fomos tomar algo xuntos, como soe ser habitual. É algo que me encanta, porque, ao redor dun par de mesas, sentamos cos nosos respectivos amigos, acompañantes, fans ou o que sexa, e falamos...falamos...falamos... Podemos estar ata as tantas ríndonos ou discutindo, contándonos historias persoais ou lembrando o que nos pasou aquela vez que... En fin. Hai unha conexión tan alucinante, que quen lla dera a Rasca&Pica ou a Pin&Pon... Comparacións odiosas á parte, temos a sorte de que a maioría nos levamos xenial, a pesar de que tamén teñamos as nosas diferencias de vez en cando (dánlle vidilla ao asunto) ¡E xa van 4 anos percorrendo xuntos escenarios!
Volvendo ao de onte, un dos temas que saíu foi o das blogs. Unha das miñas compañeiras, Fina, declarouse adicta á lectura das liñas que publicamos nestes espazos os nosos teatreiriños Fonsiño, Eliana, María (linkeados á dereita) mais eu. Sen querelo, debatimos un chisquiño sobre o porqué das blogs. ¿Son diarios íntimos? ¿Cousa de adolescentes? ¿Froito do aburrimento? ¿O futuro do xornalismo independente?...
A miña blog, para min, é un espazo persoal. Cústame definilo... É un lugar no que escribo sobre cousas que me pasan, ou que pasan ao meu redor, para que ti as leas e opines, se queres. A través das liñas que deixo aquí, ti entéraste dalgunhas cousas que me suceden, aínda que, ás veces, tamén necesito escribir máis que nada para min mesma, e camuflo o que quero dicir... por iso che resulta máis difícil comprender de que falo. Por outra banda, moitas cousas que vivo non as conto aquí, como moito, só fago referencias "camufladas", como dixen. Ás veces, porque son vivencias demasiado íntimas e prefiro gardarlas para min. Ou, alomenos, non expoñelas nunha galería aberta a todas as persoas que queiran entrar, porque nunca se sabe que ollos poden pousarse por aquí... E tamén me gusta falar de tonterías de cando en vez. Se non se me ocorre poñer nada sobre min, intento buscar outros temas, aínda que sexan absurdos.
O certo é que se non me gustara escribir, nin sequera tería blog. Pero estou moi contenta de ter o meu "espazo persoal, pero non privado". Ás veces, como me pasou agora, comezo a escribir e parece que non remato máis. Síntoo por ti, que che leva máis tempo lerme, aínda que non tés a obriga de continuar ata o final. Aínda que, se chegaches ata aquí, continúa, porque polo cansanzo dos meus dedos sospeito que está preto...
Só quería engadir que isto de escribir na rede para ti/para min, ten cousas tan extraordinarias como poder compartir algo que semella imposible, como a soidade. ¿Contradictorio? Si. Pero neste momento da noite, gozo da posibilidade de estar a soas co ordenador namentres todos durmen -por certo, estar soa así ás veces é algo que me encanta, ata se agradece...- Nin sequera teño conectado o messenger. Só os meus pensamentos: só eu. En canto os leas, deixarei de estar soa . Esa soidade esvaecerase como unha pinga de chuvia no mar, e xa será soidade compartida. Encantada de que así sexa.