Mundo á parte

14 septiembre, 2005

Coma coitelos en mans de nenos

Unha das ilusións máis grandes de meu primo era ter unha moto. Por fin, aos 17 anos, logrouna. Era de 2ª man, cuns aniños xa, de baixa cilindrada... pero unha moto, ao fin e ao cabo. El mesmo se encargou de coidala e de darlle un novo aspecto pouco a pouco, coma se fose un ser vivo. Non obstante, a ilusión de posuír algo tan desexado por el, esvaeceuse tan rápido coma un cubo de xeo nun vaso de whisky. Aos poucos meses de tela, este pasado xuño, estrelouse contra unha alambrada e sufriu un accidente bastante aparatoso que nos deu un susto enorme á xente que o queremos: rompeu unha perna ademais de esgazala, un brazo, fixo un bo corte nun ollo (por sorte só alcanzou a pel), ademais de outras múltiples feridas de consideración na cara, no ombro... Vaia, que levou un bo golpe. Meus avós, que son persoas sabias pola súa experiencia como a maioría, xa o vían vir: "este rapaz non ten sentido para ter unha moto, non é un xoguete, vai acabar mal, xa veredes...". E acertaron. Fose como fose, o meu primo tivo moita sorte. Non levaba casco e o golpe que levou puido ter consecuencias moito máis graves, a pesar de que xa non foi pouco... Se o levara posto, aforraría o dano que se fixo na cara. Pero en fin, non se pode dar marcha atrás no tempo e xa pasou. Meu primo mellora día a día, vai tirando para adiante de maneira positiva e iso é o que importa agora.
Pero tamén importaba que servira de exemplo, sobre todo, para os seus amigos que tamén teñen moto e unha mentalidade moi parecida. É dicir, mociños que se atreven con todo, que cren ter 7 vidas e que nunca lles vai pasar nada, que pensan que levar casco é un rollo, que incomoda ou que despeina. Cando meu primo tivo o accidente, varios amigos estaban con el e coas súas respectivas motos. Quedaron impactados polo estado no que quedou e, en aquel momento e mentres meu primo estivo no hospital, ata lles puido entrar respecto polas motos e pola propia vida. Pero, en canto pasou un tempo, parece que se volveron a esquecer de todo. E a fortuna non sempre acompaña a un. Antonte á tarde, un dos amigos de meu primo estrelouse contra un camión ao adiantar a uns coches coa moto, disque a bastante velocidade. O casco levábao, pero colgado do cóbado. O seu estado é o triple de peor ao de como quedara meu primo: as dúas perniñas rotas, a pelvis, non sei cantas vértebras machacadas e derrame cerebral. Dóeme escribilo. Dóeme porque o coñezo, aínda que sexa pouco máis que de vista e de intercambiar algunhas conversas algunha que outra vez. Dáme pena el, dame pena a súa familia, danme pena os seus amigos e meu primo, que estará revivindo todo de novo ademais da preocupación que sente ao non saber que pode pasar coa vida do seu amigo. E tamén me dan pena os raparigos que hoxe ou mañá terán accidentes das mesmas características e polos mesmos motivos.
Se vive, este chaval de 17 anos ten posibilidades de quedar en cadeira de rodas. E non sei que máis dicir, porque imaxino que estarás pensando o mesmo ca min. Non é o momento de reproches, senón o de lamentos. E tamén o de lembrar esas verdades que moitos confunden con tópicos sobre levar posto o casco cando se vai en moto, ou o momento de preguntarse ata que punto os rapaciños sen madurar poden ter unha. Ninguén está libre de ter un accidente, pero dende logo que, tomando precaucións, as consecuencias sempre poden ser moito menos graves. Non odio as motos nin moito menos. É máis: teño amigos moteiros con verdadeiras máquinas cos que podo dar unha volta sen problema, pero a diferencia é que saben utilizar a cabeza; por iso lle poñen casco ademais de prudencia.

2 Comments:

  • At 4:05 p. m., Anonymous Anónimo said…

    Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.

     
  • At 1:37 a. m., Anonymous Anónimo said…

    hola Sara! Sintome kerido por saber q ti eres unhas das persoas q se acordou de min,demostrando q un amigo descubrese nos momentos importantes,sobre o q pos tes toda a razon pero o problema q temos a xente xoven e q pensamos despois de facer as cousas e moitas veces e demasiado tarde,pero nn ten remedio,o unico q nos keda e asumir as cousas e saber vivir co q temos. Un beso enorme ,TITO.

     

Publicar un comentario

<< Home